11.9.26

ARREDOR DO CASTELO DE LUGO

 A Porta do Castelo, a fortaleza e a cárcere

Hai lugares dunha cidade que parecen condenados a repetir a súa función.
Na muralla de Lugo existe un deles: Campo Castelo.

CAMPO CASTELO - LUGO
Colección Manuel Barrio y Moure
Alí estivo o Castelo de Lugo. Alí aparece documentada en 1120 a Porta Castelli e, en 1202, a Porta do Castelo. O castelo desapareceu hai séculos, pero a cidade continuou chamando Castelo ao lugar.

LUGO 1812

A pregunta é inevitable:
¿Por que estaba o castelo precisamente alí?

Lucus Augusti non se ergue nun chan calquera. Asenta sobre unha lomba alongada entre dous vales: o do Miño, ao oeste, e o do Rato, ao leste. Entre ambos os dous cursos corre unha liña de cume —a divisoria de augas— que atravesa o recinto amurallado. Esa liña é o único trazado do solar polo que se pode camiñar sen subir nin baixar ningunha das dúas encostas, e o único que permite drenar cara aos dous lados. Calquera enxeñeiro romano que tivese que fixar o eixo principal dunha cidade nova neste lugar tería trazado exactamente por alí.

E por alí vai. O gran eixo que estrutura Lucus Augusti segue esa cresta e pódese percorrer aínda hoxe pola rúa da Raíña e pola rúa de San Marcos, prolongándose xa fóra do recinto pola avenida da Coruña. Campo Castelo ocupa o extremo meridional dese eixo: o punto no que a vía maior da cidade atopa a muralla. Non é unha posición dominante por casualidade nin por vontade simbólica; é o resultado de algo tan pouco discutible como a forma do terreo.

Se a isto lle engadimos o que amosa a cartografía arqueolóxica —o cardo cruzando en ángulo recto co decumano e o recinto forense lindando co propio cardo—, o cadro péchase só: a porta que remata o eixo é a porta maior, e o foro está onde os dous eixos se cortan. O castelo medieval non escolleu un lugar excepcional. Herdouno.

Campo Castelo 1812 - LUGO

Hai que dicilo con honestidade: as rúas da Raíña e de San Marcos, tal e como as vemos hoxe, abríronse ou regularizáronse no século XIX coa construción da Porta de San Fernando. Pero iso non debilita o argumento: refórzao. Os enxeñeiros do XIX escolleron a mesma liña que os romanos porque o problema que tiñan diante era o mesmo e o terreo non cambiara.

A hipótese que propoño é que esa posición estratéxica non naceu na Idade Media.
A Porta do Castelo podería estar perpetuando o lugar dunha das grandes portas de Lucus Augusti.
Se respondese ás solucións monumentais empregadas por Roma noutros recintos fortificados, poderiamos atoparnos ante unha porta situada entre dous grandes cubos ou torres de flanqueo.

Desde fóra, dous cubos integrados no ritmo defensivo da muralla.
Desde dentro, outra realidade: un punto reforzado, conectado co adarve e especialmente adecuado para controlar a entrada e organizar a defensa do recinto.
Todo isto está por demostrar arqueoloxicamente.

Puerta del Castillo - León

Pero entón aparece o Castelo de Lugo.
Quizais o castelo medieval non escolleu casualmente aquel lugar. Podería estar ocupando e reforzando desde o interior unha posición defensiva determinada moito antes pola porta, pola topografía e pola propia organización da muralla baixoimperial.

E aquí León convértese nun extraordinario termo de comparación.
No extremo norte do campamento da Legio VII Gemina estaba a porta decumana. Durante a Idade Media aquel mesmo acceso pasou a coñecerse como Puerta Castillo ou Puerta del Conde, pola fortaleza construída xunto a ela.
E aquela fortaleza acabou sendo cárcere.

Porta romana. - Porta do Castelo. - Fortaleza. - Cárcere.

En Lugo encontramos unha secuencia sorprendentemente próxima.
Porta Castelli. - Castelo de Lugo. - Cárcere episcopal. - Reduto de María Cristina.
E finalmente unha nova porta aberta cara á nova prisión: a Porta do Cárcere.

Dúas cidades romanas. Dous extremos dos seus recintos. E unha persistencia extraordinaria da mesma asociación.


Unha porta maior que se converte en prisión nun recinto que non herdou nada de Roma. E precisamente por iso a traio: Lerma é aquí a proba en contrario. Amosa que a asociación entre porta, fortaleza e cárcere non é unha herdanza antiga senón unha constante funcional, algo que se xera por si só alí onde hai un umbral que controlar. De maneira que a secuencia de Campo Castelo, por si soa, non demostra que a Porta Castelli sexa romana: indícanos onde mirar.


PORTA → CASTELO → CÁRCERE.
Quizais non sexa casual.
Porque unha porta principal non é simplemente un burato nunha muralla. É un lugar de control: controla quen entra, quen sae, as mercadorías, o tránsito e, en determinadas circunstancias, tamén as persoas.


O poder cambia. A arquitectura cambia. A función de control permanece.
E isto permite mirar doutra maneira o Reduto de María Cristina.
Reduto Cristina - Porta de Carcere - LUGO
Coello de Portugal - 1862
O reduto non ocupa un baleiro. É outra fortificación levantada sobre un lugar que levaba séculos sendo excepcional.
Quizais por iso hoxe resulta tan difícil comprendelo.

Cada época volveu construír sobre o mesmo punto porque o punto continuaba sendo importante. Porta, castelo, cárcere, reduto, nova porta. Unha sucesión tan intensa que acabou producindo unha verdadeira fatiga histórica do lugar.

Porta do Bispo Izquierdo - LUGO
Proyectada originalmente en el siglo XIX por el arquitecto municipal Nemesio Cobreros

En 1888 Cobreros abriu unha nova porta onde antes existía unha escaleira de acceso á muralla. Non era a antiga Porta do Castelo. Esta permanecía xa desaparecida baixo as sucesivas transformacións de Campo Castelo. Para atopala hai que facer o camiño contrario: retirar, unha a unha, as capas que a cidade foi superpoñendo sobre aquel lugar.

Proxecto do arquitecto municipal Nemesio Cobreros

O paradoxo é formidable: onde hoxe vemos unha das maiores interrupcións da muralla puido estar un dos seus principais lugares de control e fortaleza.
Non sabemos aínda como era a Porta Castelli romana.
Non sabemos se estaba flanqueada polos dous grandes cubos que podemos formular como hipótese.
Non sabemos que arquitectura militar existía detrás dela.
Pero sabemos onde buscar.

En 1991, detrás do Reduto de María Cristina, descubriuse un cubo orixinal da muralla de Lugo. O achado produciuse no ámbito de Campo Castelo e o cubo quedou incorporado aos baixos comerciais do edificio: primeiro asociado á coñecida tenda Ajuar e, posteriormente, tamén ao local ocupado por unha perruquería, desde cuxo interior poden contemplarse as propias pedras da muralla e o adarve.

Os arqueólogos que estudaron o achado formularon a posibilidade de que pertencese ao sistema defensivo da desaparecida Porta Castelli, a Porta do Castelo documentada na Idade Media. É dicir, que puidese ser un dos cubos que flanqueaban aquela porta.

A hipótese resulta especialmente suxestiva porque o cubo aparece precisamente no ámbito ocupado durante séculos polo Castelo de Lugo e posteriormente envolvido polo Reduto de María Cristina.

Desde o aire, o cubo volve aparecer.

Agochado entre os edificios de Campo Castelo e protexido cara ao exterior polo Reduto de María Cristina, a súa forma curva aínda deixa unha pegada na planta e nas sombras das cubertas.


En León podemos ver hoxe o que a muralla de Lugo parece insinuar en Campo Castelo. Dous grandes cubos-torre flanquean a antiga porta, mentres o castelo se apoia sobre eles e reforza todo o conxunto desde o interior. Cara ao exterior, un novo lenzo defensivo envolve e protexe a fortaleza.

En Lugo, as sucesivas transformacións borraron esa lectura. Pero un dos cubos permanece, oculto entre os locais de Campo Castelo. Se realmente pertenceu á Porta Castelli, como xa foi proposto, falta localizar o seu compañeiro.

Puerta de la Carcel - León

Porque León ensínanos algo fundamental: unha porta pode desaparecer e, con todo, a función do lugar sobrevivir durante séculos.

E en Lugo quedaron demasiadas pegadas sobre o mesmo punto como para non volver miralo.


© Carlos Sánchez-Montaña. 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario